1ª Feira do Libro de Peruchela Edicións

Peruchela Edicións na Feira do Libro de Monforte de Lemos

Do 26 ao 29 de agosto de 2026, Monforte de Lemos celebrou unha nova edición da súa Feira do Libro, baixo o lema «A porta a universos infinitos».

Peruchela Edicións participou nesta edición xunto á Libraría Pelayo, achegando á feira os seus libros e ofrecendo aos lectores a oportunidade de coñecer directamente os seus autores, asistir ás presentacións das súas obras e levar exemplares asinados.

Autores e libros de Peruchela Edicións

Durante os días da feira tivemos na nosa caseta a:

Hilda Honorata Suárez, autora de Andante solitario, que abriu o programa de sinaturas de Peruchela Edicións o mércores 26 de agosto.

Manuel Cao Rodríguez, con XXXIII Contos e O último gaiteiro, participou o xoves 27 coa presentación da súa obra e a sinatura de exemplares.

Patricia Mariño Rodríguez, autora de Quero salvarte, amigo mar!, estivo na caseta o xoves pola tarde para compartir o seu libro cos lectores.

Vicente Touzón Veiga, autor de Desde a miña aldea e Desde mi aldea, participou o venres 28 pola mañá coa súa colección de memorias e historias da súa terra.

Gloria Guerrero García presentou Devagar pola Ribeira Sacra, acompañada pola editora Rocío Rguez, nun encontro celebrado na carpa de actividades da feira.

Anxo Muíños achegou os seus libros, entre eles As mulas rabuñan o xeo e Ri, pertencentes ao seu universo literario.

Eduardo Montagut participou coa súa obra La larga posguerra, un traballo sobre a realidade social e histórica da posguerra.

E Xulio Pardo de Neyra presentou na carpa de actividades o seu libro [...] toda a eternidade nun ollar de palabras: Tareixa e Marica Campo, casa e terra, nun acto no que participou tamén a editora Rocío Rguez, xunto coa prologuista Mª Pilar García Negro e as irmás Campo.

Unha incorporación especial

A feira tamén nos deixou unha sorpresa de última hora: Sofía Sánchez López, autora de Vida en el bosque, achegouse á caseta de Peruchela Edicións para asinar exemplares da súa obra, unha creación manuscrita e ilustrada pola propia autora.

Unha feira arredor dos libros

Foron catro días de encontros, conversas, presentacións e sinaturas, pero tamén unha oportunidade para achegar ao público unha parte da diversidade do catálogo de Peruchela Edicións.

Desde a memoria e a historia ata a literatura, os relatos, a creación infantil ou a poesía, cada libro leva consigo unha historia e cada autor unha maneira diferente de contala.

Grazas a todas as persoas que vos achegastes á nosa caseta, aos autores que compartiron estes días connosco e á organización da Feira do Libro de Monforte de Lemos por facer posible este encontro arredor dos libros.